Reportaxe do ALT.procrea no DUVI

ALT.procrea acompaña a tres artistas ao longo do proceso creativo da danza contemporánea.

Acompañar ás artistas no progreso do seu traballo, poñendo en valor a súa creatividade e brindándolles apoio ao longo de todo o proceso creativo. Este acompañamento é o que ofrece ALT.procrea en feminino, unha iniciativa de residencia artística que se insire na programación do Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo, ALT. Co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, ALT.procrea en feminino non marca o seu obxectivo no resultado, senón no camiño que se percorre, un camiño que xa iniciaron Nuria Sotelo e Mercé de Rande no pasado ano e que empeza agora Helen Bartels. No acto de presentación desta iniciativa, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo destacou a importancia deste tipo de iniciativas que favorece a creación escénica contemporánea multidisciplinar, principalmente a danza, “fuxindo de cronoloxías estandarizas de abundan noutros festivais”. A directora do ALT, Lola Correa, lembrou que o festival, que vai xa pola décimo terceira edición, apostou sempre pola perspectiva de xénero, “a través de iniciativas como Soas en escena ou oMarathon Woman coas que apoiamos sempre a creación feminina e a presenza das mulleres”. ALT.procrea herdou este espírito e arrancou en 2013 cos proxectos de Nuria Sotelo e Mercé de Rande apostando por un proceso de acompañamento que pon en valor todos os pasos do proceso creativo “gozando non só do resultado final senón do camiño que percorren as creadoras ata chegar a el”, explicou a directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín. 
Imagen

Apoio ao longo do proceso

A través de ALT.procrea a organización do festival achega tanto recursos económicos e materiais como a experiencia e o coñecemento do sector da creación escénica contemporánea adquirido nas trece edicións do certame. Deste xeito a iniciativa terá presenza no seu camiño creativo, produtivo e distributivo, asesorando, promocionando e procurando as complicidades necesarias para un mellor aproveitamento da súa creatividade artística. Ademais promóvese o contacto co público e cos programadores na procura de apoios económicos a través do micro-mecenazgo en directo. Ao longo dun ano as artistas contarán coa axuda e asesoramento dos “ollos externos” do dramaturgo e teórico da danza Roberto Frattini e da dramaturga e directora do Festival ALT, Lola Correa. O festival pon tamén a disposición das creadoras unha persoa especializada na distribución internacional de espectáculos de creación contemporánea.

Mentres que Nuria Sotelo amosará o remate da súa creación, Helen Bartels e Mercé de Rande adiantarán as súas propostas de traballo. Elas amosarán en diferentes actividades ao longo desta semana as súas “inseguridades, os atrancos, as certezas e os acertos de todo proceso creativo”. Trátese de tres creadoras contemporáneas que dende o seu posicionamento de artistas e sobre todo de mulleres, contribúen a romper estereotipos e a desfacer ataduras ancestrais. As artistas destacan a importancia de iniciativas como ALT.procrea porque “nos permite chegar a onde as creadoras soas non chegamos”, con medios e canles doutro xeito inaccesibles, sobre todo no eido da danza contemporánea. “Ademais do apoio é gratificante saber que o que facemos lle interesa á xente”, explica Helen Bartels e “axúdanos a chegar ao público e a amosar o que se fai na danza contemporánea”, apunta De Rande.
Imagen

Tres obras, tres momentos

Nuria Sotelo presentará en estrea absoluta, Silencio por favor o xoves 13 de marzo no Auditorio Municipal ás 21.00. Este proxecto arrancou hai un ano ao abeiro de ALT.procrea 2013 e agora, xa madurado, preséntase en público. Trátase dun concepto escénico multidisciplinar que integra música, voz, danza e recursos multimedia de interacción entre movemento, son e imaxe. Nesta peza Sotelo parte de considerar o ruído como o conxunto de fenómenos de interferencia que obstaculizan a comunicación e “xorden preguntas arredor da cantidade de estímulos visuais, auditivos, sensoriais e informativos aos que estamos sometidos”. Segundo a artista, Silencio por favor é unha aposta íntima que parte precisamente da necesidade silencio debido a esta sobreestimulación e sobreinformación, “pero o silencio non existe, só podemos quitar capas de ruído” e iso será o que presenta ao público. 

Os dous traballos en proceso presentaranse o domingo 16 nunha sesión dobre ás 17.30 horas na Casa das Artes. Helen Bertels presentará Amor, unha creación na que reflexiona sobre este sentimento, sobre se é posible describilo ou definilo “na súa total inmensidade”. Segundo a artista, este espectáculo cambiará cada vez que se represente, enriquecéndose e crecendo continuamente e levarao con ela arredor do mundo dentro dunha serie de viaxes que se insiren nun proxecto máis amplo sobre a esencia das mulleres. “Non terá unha estrea única porque a peza cambiará constantemente” aínda que de momento Amorversa sobre o desamor, segundo a artista, “porque bebe da tristeza, da escuridade e da soidade” que se atopou nos retratos de mulleres que fixo ata o de agora.

Completa este trío Mercé de Rande que achega Das trebas às treboadas, unha peza que se inspira nos petróglifos e na que a artista traballa nunha re-creación do seu significado, a simboloxía do labirinto, a procura do escuro e esquecido, na que bota man da tradición oral galega. De Rande xa participara en anteriores edicións do ALT e o seu proxecto iniciouse o pasado ano xunto co de Sotelo e desenvolverase durante un ano máis. “Mostra como neste momento actual de inseguridade, o que sentimos é medo”, un tema universal que ela aborda dende unha perspectiva íntima “porque é da escuridade de onde xorden a luz e as cores”.

Imagen

http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=8291&Itemid=4

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s